Se estás lendo isto, quizais esteas embarazada. Se é así, agora mesmo tes un cento de preguntas que che taladran a cabeza. Seguro que algunhas delas teñen que ver coas cousas que teu bebé necesitará cando naza ou sobre como conseguir que os cartos alcancen a todo. Porque sexamos sinceras, todas esas cousas que (cres que) vai necesitar teu bebé custan unha pila de cartos…
A industria dos bebés … aliméntase do que “cres que vas necesitar o teu bebé”; unha sorte de compras impulsivas (aínda sendo meditadas) previas ao nacemento do voso fill/a. O meu consello agora mesmo é: ESPERA! Espera a que teu bebé naza para mercar todo iso que pensas que vai necesitar. Aforrarás varios centos (ou miles) de euros.
COMO ME DESPLAZO CO BEBÉ?
O carriño é unha das primeiras grandes compras. Quizáis penses que un carriño é imprescindible. Xa metidos en gasto, ao mellor estás valorando mercar un que vos dure moitos anos, con varias pezas que se vaian adaptando ás distintas etapas do bebé . Un trebello dese tipo anda, de media, entre os 600 e os 1.200 euros.
Facédevos cun portabebé que se poida empregar dende o nacemento. O máis económico soe ser mercar un fular elástico. Cubriravos os primeiros meses do bebé e farédesvos idea de se iso de portear é ou non para vós. Polo pronto teredes dúas mans dispoñibles (toda unha “utopía” nos primeiros meses de vida do bebé). Poderedes movervos libremente dentro e fora da casa e o voso bebé estará no su hábitat natural, os vosos brazos. E se unha vez que naza o bebé credes que necesitades un carro, aceptade un prestado (quedan novos de todo) ou mercade o máis, máis, máis sinxelo que atopedes no mercado.
QUE PRECISA MEU BEBÉ PARA DURMIR?
Só a ti para saberse protexido e amparado. Non queren cunas, nin minicunas, nin capazos… Así que garda eses euros (entre 300 ou 600 euros) para outra cousa. Pasará boa parte dos primerios anos durmindo contigo, compartindo cama e alegrándoche as mañáns. Compartir leito, axudará a que descanses mellor. Se aleitas, as tomas serán moito máis levadeiras ao non ter que levantarte da cama. Hai nenas/os que espertan moitas veces para facer pequenas tomas e outros que fan poucas tomas pero mooooi longas en medio da noite. Sexa como for, darlle o peito deitada fará esas noites moito máis levadeiras. Perde o medo a coleitar.
QUE PRECISA MEU BEBÉ PARA CAMIÑAR?
Na-da. Evita calzalo antes de tempo. Deste xeito poderá desenvolver tódalas destrezas dos seus peíños sen nada que lle estorbe. So precisará que o calces para combater o frío ou para evitar mancarse. Nese caso, a nosa recomendación é que recurras aos zapatiños de gateo e/ou primeiros pasos de marcas como POLOLO (sen dúbida, a nosa favorita pola suavidade da súa pel orgánica e as súas cores conseguidas grazas ao procesos de curtidos a base de vexetais) ou POCO NIDO (de algodón, con suela de pel e uns deseños realmente especiais)
Os bebés botan a camiñar cando realmente están preparados para facelo. “Obrigalos” a camiñar antes de que chegue o seu momento non fará máis que entorpecer o seu natural desenvolvemento. Elimina da túa lista de necesidades os tacatás (mira este artigo da AEP para convencerte definitivamente) ou os arneses que lles «axudan» a camiñar. Fomenta sempre que poidas o movemento libre.
QUE PRECISO PARA ASEAR AO BEBÉ?
Auga morna e as túas mans. Podes empregar algunhas gotiñas de aceite de orixe vexetal para acariciar ao bebé despois do baño. Ningún tipo de xabrón, loción ou talco está recomendado para o baño do bebé. Seguro que che han agasallar algún tipo de «canastilla» con este tipo de produtos. Revisa detidamente os seus compo´ñentes e desbota todos os que conteñan parabenos, fragancias ou perfumes sintéticos, colorantes sintéticos, ftalatos, phenoxyetanol… En caso de ser imprescindible, podes empregar algún neutro de orixe vexetal e ecolóxico.
QUE PRECISO PARA ALIMENTAR AO MEU BEBÉ?
O leite que ti mesma produces. Durante o primeiro ano de vida, o leite materno debera ser o alimento principal para o/a bebé. Durante os seis primeiros meses a OMS recomenda alimentar ao bebé con leite materno de forma exclusiva. A partir dos primeiros seis meses, comezará a introdución de sólidos. Os alimentos, mellor canto máis próximos e de tempada. Evita os procesados e pon en dúbida todo o que teña a etiqueta de «alimento infantil» (iogures, galletas e/ou lambonadas varias poden vir avaladas por asociacións e institutos que empregan os seus selos para dar un plus de fiabilidade aos seus produtos. Non te fíes)
E PARA XOGAR, QUE LLE MERCO?
Non hai xogo máis interesante para el que a túa voz, a túa mirada, as túas caricias e o teu colo. Nin carruseis musicais, nin aparellos con luces e sons …. Nada lle vai prestar! Pouco a pouco, irá descubríndose a si mesma: as súas mans, os seus dediños, os seus pés… e despois diso, comezará a mostrar interese por elementos externos a vós as dúas. Son bos “primeiros xoguetes” a bola Pikler (a nosa preferida nesta etapa) ou calquera outro elemento lixeiro e fácil de asir que non pese e que faga un chisco de ruido (sen pasarse, ollo). O mellor que podes facer para favorecer o seu xogo é deixala libre. Darlle moito chan (unha superficia cálida que lle permita moverse sen problema será perfecta) e permanecer á súa beira por se te necesita.
Resumindo:
A túa cría necesita brazos, tempo, teta e atención. A cambio recibirás horas infinitas de miradas de namoramento pleno, doses de amor que nunca imaxinaras, novos modos e linguas coas que entenderse. Parecerá que os días son eternos pero pronto verás que os anos pasan a toda presa. Disfruta todo o que poidas e vive a maternidade que che pete.