Por que o teu bebé recén nacido quere colo?

Só quere sobrevivir. Así de sinxelo.

Parece mentira, pero aínda escoitamos moito iso de: «déixao no berce que despois se che acostuma ao colo e xa verás…» Pero, en realidade, ao que se acostuman non é ao colo, senón ao berce. Máis que acostumarse o que acontece é que se resignan.

En xeral é algo no que non reparamos, pero a especie humana, aínda se nacemos a término (entre a semana 37 e a 42), nacemos de forma prematura respecto doutras especies. Imaxinade un becerriño recén nacido. É capaz de poñerse en pé en canto nace, e mesmo camiñará xunto a súa nai e a seguirá onde vaia. Un bebé humano, comezará a desplazarse por si mesm@ arredor dos 9 meses! Este exemplo tan sinxelo, dá idea do noso nivel de dependencia cando abandonamos o útero materno.

Para que un bebé humano nacera cun grado de desenvolvemento equivalente ao de un bebé chimpancé, necesitaría unha xestación de entre 18 e 21 meses.   O gran tamaño da nosa cabeza (froito da nosa capacidade cerebral) unido ao estreito da nosa pelvis (froito da bipedestación) obriga a que nazamos “antes de tempo”. É o coñecido como dilema obstétrico.

A especie humana actual é a especie que logrou unha locomoción bípeda máis perfecta. Somos os mellores camiñantes, pero para iso os nosos fémures tivéronse que aproximar e como consecuencia estreitouse a canle do parto (Juan Luis Arsuaga, 2018)

Bipedestación e evolución pelvis femenina

 

O segundos 9 meses de embarazo: a xestación exterior

Cando falamos do periodo de xestación, adoitamos pensar nos 9 meses que o bebé pasa dentro do corpo da nai. Porén, tras ese periodo de xestación no útero comezan os segundos 9 meses xestación. O parto non é un punto e a parte na relación nai-bebé, non se convirten en seres independentes senón que a relación de dependencia continúa, fóra do útero, despois do parto.

Qué pasa cando o bebé nace? Como cambia a súa percepción do entorno?

A saída ao exterior faise sen periodo de adaptación e o novo escenario resulta realmente hostil.

  • Antes non tiña que preocuparse do alimento, nin de estar quente. Agora o bebé experimenta sensacións descoñecidas como a fame ou o frío.
  • Non pode desprazarse. Se houbera un perigo estará indefenso.
  • O seu medio cambia: dun medio acuático pasa a un medio seco.
  • Abandona o entorno acotado do útero e chega a un espazo infinito. As súas mans, o seu corpo, non atopan os límites.
  • Deixa un lugar no que todas as percepcións sensoriais  se reciben «amortiguadas» e chega a un espazo onde escoita, ve, sinte… dun xeito completamente distinto.
  • Non é quen de comunicarse con palabras. Irá encontrando o xeito de facerse entender. O máis efectivo: os choros.

Nesa nova realidade, o corpo da nai segue sendo o seu espazo de seguridade. O cheiro, latexo, temperatura e sabores da nai, son recoñecidos polo bebé como “a súa casa”. A bioloxía non entende de realidades sociais. O corpo que o bebé espera atopar é o da nai; é aí onde se sentirá seguro. Sentirá que a súa supervivencia está garantizada e iso reducirá os seus niveis de estrés.

Método Nai Canguro está recomendado pola OMS en caso de nacementos prematuros ou a término con baixo peso, e comeza a implantarse nas unidades de neonatoloxía dos hospitais con protocolos de atención ao parto e nacemento máis actualizados. Un bebé pegado ao corpo da súa nai ten moitas ferramentas para sobrevivir.

  • Chega ao alimento se o precisa. Ten máis oportunidades de mamar e é o bebé quen decide cando necesita comer e por canto tempo.
  • O peito da nai regula a temperatura, subindo (+2º) ou baixando (-1º)  en función das necesidades.
  • Recibe masaxe de contacto que favorece o bo funcionamento do sistema dixestivo.
  • Mantén un ritmo cardiaco estable.
  • Aprende antes os patróns respiratorios. Faino por imitación. A respiración de nai e bebé acaban por sincronizarse.
  • Todo o que beneficie a regulación dos distintos sistemas (dixestivo, respiratorio, cardiaco…) favorece ademais a regulación do sistema nervioso.
  • Mellor xestión do estrés. O bebé aprende dende o seu hábitat natural a relacionarse co mundo exterior.

Como pode o porteo axudarnos no día a día co noso bebé recén nacido?

As primeiras semanas de vida dun recén nacido son difíciles. Aínda supoñendo que tiveramos un bo parto, e que o posparto e lactación sexan sinxelos, a chegada d@ nos@ fill@ trae consigo novas rutinas, a necesidade de coñecerse mutuamente, unha reubicación no persoal, na parella, na casa…

Para min o porteo foi unha forma de sobrevivir. Quizais vos soe esaxerado pero se falades con calquera familia porteadora seguramente coincidirá nesta expresión. Que plus nos aporta o portabebés?

  • Establece límites físicos. As crianzas están afeitas a ser «sostidas» no seo materno, así que cando as colocamos nun fular,  o seu corpo volve a ter límites provocando sensación de seguridade e confianza.
  • O bebé necesita colo e nós precisamos mans. Portear vai permitir que recuperamos liberdade e autonomía: lavar os dentes, pasear ao can, viaxar en transporte público… TODO é moito máis doado.
  • O feito de levalo porteado, permite que o observemos continuamente. Así descubrimos antes as súas necesidades.
  • Choran menos e durmen máis. Algo tan sinxelo fai que nos sintamos pais e nais competentes. Sentímonos confiad@s e iso redunda na nosa tranquilidade e na de toda a familia.
  • Evitamos posturas incorrectas porque un portabebés ben colocado, e axeitado ás características do nos@ bebé, reparte o seu peso de forma homoxénea polos nosos hombros, espalda e cintura.

Os mellores portabebés para recén nacid@ son os fulares (tecidos ou elasticos), mey tais e mochilas sempre que sexan evolutivas. Calquera deles se adaptará perfectamente a verán e inverno.

Se estás pensando en portear pero non sabes por onde empezar, pasa pola tenda especializada que teñas máis a man e pregunta. Portear farache a vida máis sinxela.

 

 

 

 

0 0 vote
Article Rating

Sobre Sonia López Sánchez

Son Sonia. Muller, nai e xornalista. Galega. Adiquei 15 anos da miña vida profesional á comunicación. Foi mentres estudaba xornalismo, moito antes de ser nai, cando comecei a investigar sobre cómo se paría en Galicia. Non me gustou o que atopei. Descubrín Gaia pouco antes de que nacera Lucas, e diso fai xa 6 anos. En Gaia atopei a miña forma de conciliar, criando aos meus fillo e filla mentras acompaño a mulleres que, coma min, resoan noutra forma de parir e críar, dende a consciencia e o respecto. Hoxe sei un pouco máis que entón de porteo, de xogo libre, de BLW, de partos respectados e do poderosas que somos as mulleres. E nese camino estamos. Dende a honestidade e a continua formación. Facendo tribo.
Suscribirme
Notificación de
guest
1 Comment
más antiguo
más reciente más votado
Inline Feedbacks
View all comments
trackback

[…] bebé necesita ser levado, é unha necesidade vital. O porteo daralle seguridade e a vós devolveravos as mans. Para facelo con garantías, elixe o […]