Como escoller os primeiros zapatos

 

O pé, aínda sendo moi pequeno con respecto ao resto do corpo, é unha estrutura realmente complexa. Coordina 26 osos, 33 articulacións e máis dun cento de músculos, ligamentos e tendóns. Nos primeiros anos de vida, presenta moitas estruturas xa formadas e definidas pero aínda estamos ante unha formación fráxil integrada fundamentalmente por cartílagos. Os pés van madurando a partir dese momento e durante o proceso de crecemento os osos iranse consolidando. Aos 6 anos o pé das crianzas ten a unha constitución moi similar á do pé adulto. Entre os 14 e os 20 anos, consolídase definitivamente a estrutura pé-nocello.

O calzado ideal para bebés que non camiñan é o que non utilizamos. É dicir, as crianzas preandantes, descalzas moito mellor. Atoparedes moita máis información sobre isto neste artigo que vos achegamos de Isabel Gentil García na Revista internacional de Ciencias Podolóxicas.

Pero se estades nesa fase na que o voso peque empeza a camiñar e presentides que debedes empezar a calzalo, aí van algunhas preguntas frecuentes coas que soemos atoparnos cando chega esta etapa.

 

Que tipo de calzado precisa o meu bebé se está dando os primeiros pasos?

Ningún. É habitual que cando dan os primeiros pasos sintamos a necesidade de ir mercar os sus primeiros zapatos. O certo é que cando comezan a “camiñar” aínda pasan moito máis tempo gateando que camiñando, así que o único que podería precisar (e non sempre) é un calzado que lle permita ter os pés quentiños e protexidos de posibles golpes ou infeccións.

 

Que teño que ter en conta á hora de mercarlle os primeiros zapatos?

Nesta fase, na que aínda non camiña de forma autónoma (é dicir, sen agarrarse a nada) deberás ter en conta que o calzado elixido:

  • Sexa antideslizante, para que cando se poña de pé non esbare.
  • Sexa moi flexible, tanto no empeine como no piso, de forma que a crianza poida desenvolver todas as destrezas propias dos seus peíños sen dicifultade.
  • Sexa o suficientemente largo e ancho para que o pé quede libre dentro do zapato.
  • Sexa lixeiro, para que non o obrigue a modificar a súa forma de gatear nin de camiñar.
  • Sexa transpirable, preferiblemente feito con materiais naturais para garantir unha correcta traspiración

Estes son os tips básicos á hora de escoller calzado, tanto na etapa de pre-deambulación (ata os 18 meses) como na de adquisición da marcha (entre os 18 meses e os 3 anos)

 

Ainda que non camiña só/soa, quere estar de pé todo o tempo. Tamén na rúa e co chan mollado. Que podo facer?

É o momento de escoller un calzado cun piso que aille a humidade. Dúas cuestións fundamentais a ter en conta: a suela do zapato deberá ser flexible ao tempo que permite que as dedas se manteñan separadas.

Para comprobar a flexibilidade do zapato basta con tentar xuntar a punta co calcaño, facendo unha pinza entre os dous extremos. A suela ancha garantiza que as dedas se separen todo o que o farían se @ nen@ fose descalzo. Conseguiremos deste xeito simular un entorno descalzo especialmente recomendable para os pés de nenos e nenas.

    

Ademais é importante que o zapato sexa plano, sen tacón nin amortiguación de ningún tipo. Os mellores materiais para o piso? Os de orixe natural (caucho, coiro, pel, algodón…) Serán máis respectuosos co medio e tamén co seu corpo.

Nesta fase as crianzas aínda pasarán máis tempo gateando que camiñando. Un zapato excesivamente duro non só non axudará a que camiñen antes senón que ademáis inhibirá o gateo.

 

 

Que número necesita?

Pois o que mellor se axuste ao seu pé 😉

Hai certa tendencia a querer escoller zapato grande, por si lle medra o pé ou para que lle dure un pouco máis. Se escollemos uns zapatos excesivamente grandes sucederá que lle resultará incómodo camiñar e mesmo pode ser que lle causen alguna ferida. Verase obrigad@ a modificar a forma de camiñar, pousando o pé da forma que lle resulta máis cómoda. O resultado, no mellor dos casos, será que se negue a poñelos.

A diferenza entre números soe ser de 6mm e, o máis habitual, é que o pé medre deste xeito:

  • Durante os 15 primeiros meses medra arredor de 3mm cada 2 meses.
  • Entre os 15 e os 24 meses medra uns 3mm cada 3 meses.
  • Dos 24 aos 36 meses faino uns 3mm cada 3-4 meses.

Isto son só estimacións medias de crecemento. Cada crianza é un mundo e é moi habitual que os seus pés non medren dun xeito uniforme senón que o fagan de sopetón, sen previo aviso.

 

Como calculo o número que necesita?

Non todos os números talla igual en todas as marcas. Se queres mercar e non podes probar, deberás medir o pé e despois buscar a talla á que equivale na marca elixida. Á medida do pé deberás engadir 10mm para atopar o número axeitado. É fundamental que o pé dentro do zapato teña esa holgura. Irá axustado pero con sitio abondo para medrar.

Formas de medir o pé:

  • Mide tanto o largo como o ancho.
  • A medida aumenta cando este soporta o peso do corpo así que convén tomar medida estando de pé e apoiad@ sobre o pé que medimos.
  • Debuxa a planta nun papel. Podes recortala e ver como se axusta no zapato.
  • Se o zapato ten plantila extraíble, sácaa e mira como queda baixo o pé.

Probando o zapato:

  • O pé debe entrar no zapato sen necesidade de facer forza nin empregar calzador.
  • Botando o pé cara adiante podemos deslizar o dedo maimiño da man entre o calcaño e o zapato.
  • A zona máis ancha do pé debe coincidir coa máis ancha do zapato.
  • A crianza debe ser quen de levantar as dedas con liberdade dentro do zapato.
  • Camiñará con comodidade. O zapato non se lle descalza ao camiñar.

 

Cando hai que cambiar de número?

Ata os 4 anos é recomendable que revisemos o número cada 3 ou 4 meses. Algúns indicadores:

  • Cando sacamos os zapatos hai rozaduras ou zonas irritadas.
  • Os zapatos están excesivamente deformados.
  • Xa non queren poñelos.

 

Zapatos usados, son unha opción?

Cada un de nós pisamos dun xeito distinto. As nosas pegadas son como impresións dactilares: non hai dúas iguais. Un calzado herdado pode estar deformado polo uso na punteira, na plantilla, no talón, na suela… Todo ese desgaste obriga a que quen empregue ese zapato usado teña que “amoldar” o seu pé ao camiñar de quen o usou antes. Só debemos aceptar zapatos usados se están novos. Empregar zapatos moi “trotados” podería causar deformidades nos pés.

 

Cordóns ou velcros?

Ata os 6 anos, o máis recomendable é o calzado con velcro. Dá un bo axuste en pés anchos e estreitos pero ademáis permitiralles gañar habilidades. Calzarse e descalzarse sós/soas daralles liberdade e permitirá que gañen autonomía e independencia. Nestas idades, os cordóns son un rollo. Desátanse con frecuencia e non lles permiten gañar destrezas (máis que para desatalos :D). Nalgúns casos, poderíamos sustituilos por gomas que permitan meter e quitar o pé sen desatar.

 

Se che gustou o artigo ou pensas que pode ser de utilidade para ouras familias, comparte 😉

Sobre Sonia López Sánchez

Son Sonia. Muller, nai e xornalista. Galega. Adiquei 15 anos da miña vida profesional á comunicación. Foi mentres estudaba xornalismo, moito antes de ser nai, cando comecei a investigar sobre cómo se paría en Galicia. Non me gustou o que atopei. Descubrín Gaia pouco antes de que nacera Lucas, e diso fai xa 6 anos. En Gaia atopei a miña forma de conciliar, criando aos meus fillo e filla mentras acompaño a mulleres que, coma min, resoan noutra forma de parir e críar, dende a consciencia e o respecto. Hoxe sei un pouco máis que entón de porteo, de xogo libre, de BLW, de partos respectados e do poderosas que somos as mulleres. E nese camino estamos. Dende a honestidade e a continua formación. Facendo tribo.

Deja un comentario

avatar
  Suscribirme  
Notificación de