Como de seguro saberedes, hai libros nos que podemos atopar contido para todas as épocas do ano, e outros que se centran nunha ou varias estacións.
Os contos estacionais reforzan as vivencias das crianzas na natureza e axúdanlles a entender o momento no que se atopan. Estamos a piques de abandonar a primavera e queremos falarvos dalgúns dos nosos libriños favoritos para esta época do ano.
Foi difícil escoller porque hai hai moitos e moi bos. Aquí vos amosamos só algúns deles e, de seguro, iremos aumentando esa listaxe e volo iremos contando.

Y de pronto es primavera, escrito por Julie Fogliano e ilustrado por Erin E. Stead, editado por OCEANO travesía. Un rapaz planta varias sementes para facer un horto e mira cara ao ceo esperando que caia a choiva. Acompáñano o seu can, unha tartaruga, un coello e algunhas aves.
O cambio das estacións e, con elas, as distintas cores da paisaxe están representados con gran detalle neste álbum ilustrado. Tamén se atopa recreada con gran mestría a idea do paso do tempo. O libro non só é unha mirada elocuente aos procesos cíclicos da natureza, senón tamén, e sobre todo, un poema visual que nos fala da paciencia, a esperanza e a renovación constante da vida.

Pequeño Árbol, de Jenny Bowers, editado por Cubilete. A través da mirada dunha pequena árbore percorremos as 4 estacións do ano e os cambios que a natureza experimenta en cada unha delas. Con 25 solapas interactivas.

Había una vez una semilla, de Judith Anderson e Mike Gordon, editado por Anaya. Este libro axudará ás novas lectoras a pensar nas condicións que necesitan as plantas para o seu crecemento e nas etapas do mesmo, xa que trata temas como “Cultivar plantas” e “Axudar ás prantas a que medren axeitadamente”. Igualmente proporciona ensinanzas e temas de discusión sobre conceptos como “Hábitat”, “Cambios” e “Ciclos vitais”. Notas para familias e escolas con suxestións para actividades complementarias.

Las cuatro estaciones del gran ÁRBOL, de Britta Teckentrup, editado por Cubilete. É un álbum infantil “troquelado” que nos mostra o paso das estacións do ano na vida dun bosque. Nun formato moi manexable á vez que sorprendente coas súas tapas duras e tacto lixeiramente rugoso, rústico, un colorido espectacular e un efecto moi logrado que nos permitirá compartir coas crianzas o ciclo da natureza ao longo dun ano completo.

Primavera, editado por Nowordbooks. Libro de fotografías de elementos característicos da primavera. Para que as crianzas comprendan o significado das estacións a través de elementos relacionados con elas. Móstranse fotos de campos en flor, crianzas con pezas primaverais, paxaros entre flores, campos de amendoeiras floridas, cereixas, amorodos e campos de xirasols.

Esperamos que vos gustaran! Encantaríanos que nos fixésedes suxestións sobre os vosos contos estacionais favoritos.






