Que necesita saber unha muller embarazada?

Cousas que quererás saber se estás embarazada

Creo que chegado este momento hai algunhas cousas que che gustará saber. Quizais xa as saibas, pode que algo che resoe dentro, pero tamén é posible que nunca escoitaras falar delas.

  • Es incriblemente poderosa. Non teñas dúbidas. Aínda que non o recordes, ti xa sabes parir. Todas sabemos parir. Chegado o momento teu corpo irache marcando o camiño. Se esta idea che parece moi marciana, busca información. Escoita a mulleres que gozaron dos seus partos, busca lecturas que te empoderen (El Parto es Nuestro ten unha sección de relatos que che podería gustar ler) e decide o parto que queres ter. Autores como Michel Odent pode que che axuden tamén a visualizar qué precisamos e qué non cando estamos parindo.

 

  • Os cursos de preparación ao parto que se imparten dende a sanidade pública non son imprescindibles. Contaranche algo sobre os protocolos habituais que se dan no teu hospital de referencia (ingreso, vías, rasurados, cama de partos, episiotomías, epidural…) pero nada acerca do que realmente precisas para parir a gusto (confianza no teu corpo, posturas, movementos, respiracións, respecto, intimidade…) Salvo escasísimas excepcións, que as hai, estes cursos semellan máis de aleccionamento que de preparación. Queremos que te coñezas e que coñezas o proceso do parto e como transitar pola dor. Por iso programamos talleres de Preparación ao Parto e Nacemento que de verdade te farán poderosa e que axudarán a que quen te acompañe teña o papel activo que precisas. Tes máis información neste enlace

 

  • Prepara un Plan de Parto. Coa súa elaboración reflexionarás sobre o parto que queres ao tempo que deixas constancia por escrito das túas preferencias e desexos respecto ao teu parto e ao nacemento da túa filla/o. Tes dereito a elaboralo e a que sexa respectado. Ampárate a Lei de Autonomía do Paciente onde se recolle que “Todo profesional que intervén na actividade asistencial está obrigado (…) ao respecto ás decisión adoptadas libre e voluntariamente pola paciente” (Art. 2.6). O Plan de Parto é unha ferramenta máis para conseguir o parto que queremos, pero non podemos deixar de prepararnos física e emocionalmente para conseguilo.

 

  • Busca tribo na túa vila ou cidade. Asociacións, grupos de crianza, de lactancia… Normalmente estes grupos está formados por mulleres, nais e/ou profesionais e son unha boa rede (case imprescindible, diría) durante o embarazo e no postparto. Se non tes un grupo físico preto, é posible que atopes a túa tribo na rede, ou acudindo a algunha actividade na que participen mulleres embarazas ou mamás e recén nacidos. Mira as nosas actividades  para embarazo (ioga ou pilates) e postparto (ioga ou hipopresivos). Despois de cada unha, fómanse unhas
  • Como en todo na vida, rodéate de boa xente. Os profesionais sanitarios son vitais nesta etapa que estás transitando. A túa matrona, se é boa, será unha aliada que te informará dos procesos, sen xulgar as túas decisións; que te acompañará e deixará que sexas ti quen decida o camiño. Se sentes que non estás recibindo o trato que mereces, busca a outra matrona. Toda usuaria do SERGAS ten dereito a escoller as profesionais que a atendan. E se non queres ou non podes cambiar, reclama. Pódelo facer no mesmo centro de saúde ou a través da rede. O SERGAS ten este recurso para facelo dende a casa.

 

  • Prepara a túa baixa por maternidade. Dispós de 16 semanas de baixa maternal e 15 días máis que podes engadir en calidade de período de lactancia. Algunhas empresas permítenche gardar vacacións para alongar un pouco máis a reincorporación ao teu posto. Ponte ao día dos teus dereitos laborais (maternidade, lactación, redución de xornadas, períodos de excedencia…) e reflexiona sobre como podes e queres conciliar.

 

  • Confía! Vas ser a mellor nai do mundo. Cando naza a túa filla, vas saber o que tes que facer, garantido! Só necesitades tempo a soas, tranquilidade, pel e tribo.

Sobre Sonia López Sánchez

Son Sonia. Muller, nai e xornalista. Galega. Adiquei 15 anos da miña vida profesional á comunicación. Foi mentres estudaba xornalismo, moito antes de ser nai, cando comecei a investigar sobre cómo se paría en Galicia. Non me gustou o que atopei. Descubrín Gaia pouco antes de que nacera Lucas, e diso fai xa 6 anos. En Gaia atopei a miña forma de conciliar, criando aos meus fillo e filla mentras acompaño a mulleres que, coma min, resoan noutra forma de parir e críar, dende a consciencia e o respecto. Hoxe sei un pouco máis que entón de porteo, de xogo libre, de BLW, de partos respectados e do poderosas que somos as mulleres. E nese camino estamos. Dende a honestidade e a continua formación. Facendo tribo.

Deja un comentario

avatar
  Suscribirme  
Notificación de