É posible que moitas xa o saibades, pero para quen non dirémosvos que Gaia é unha cooperativa de traballo asociado. Non caemos aquí por casualidade. Foi moi meditado e algo que tivemos moi claro dende antes de que nos atopáramos por primeira vez. Somos cooperativa porque:
- Cremos que as persoas somos (moitísimo) máis importantes que os cartos.
- Relacionámonos de xeito horizontal e a opinión de todas nós vale o mesmo.
- Todos os nosos beneficios redundan na nosa propia formación e na mellora da cooperativa.
- Traballamos aportando o que mellor sabemos facer, autoxestionando o noso tempo, coa única vontade de ter un posto de traballo digno e estable
- A prioridade deste proxecto somos nós mesmas, as mulleres que traballan con nós e as nosas familias.
Sendo como somos cooperativa, somos Economía Social. E isto que significa? Que somos o lugar onde economía e persoas se atopan. Xeneramos recursos económicos ao tempo que desenvolvemos o noso compromiso social.
- A nosa organización é democrática, sen xerarquías nin xefes; sen sumisión nin control. Somos libres e responsables.
- Somos independentes dos poderes públicos e actuamos guiadas por principios como a conciliación, a solidariedade, a sostenibilidade, a inclusión e o compromiso coa sociedade.
- Temos un fondo compromiso co movemento feminista e cos dereitos da infancia e traballamos activamente dende o noso espazo nestes dous ámbitos. Programamos actividades gratuitas que nos permitan tecer rede e facer forza, abrindo espazos de conexión e colaboración.
- Orientamos o noso traballo a cubrir necesidades humanas básicas.
- Traballamos con produtos que respetan e coidan das persoas e do noso entorno.
O xeito no que mercamos é un reivindicación política en sí mesma. Debemos preguntarnos de onde ven iso que mercamos; en que condicións traballaron as persoas que o fabricaron; como se xestionaron os recursos para producilo; en que condicións traballan as persoas que mo venden; que tipo de modelo empresarial alimento cando merco en un ou noutro sitio…
Cando vos achegades por Gaia ou mercades na nosa tenda online estades apoiando:
- Sete postos de traballo dignos.
- Familias que concilian.
- Comercio local e unha asesoría personalizada
- Ter a man produtos bonitos e útiles, que non encerran condicións de traballo indignas e que están feitos con amor.
- Un espazo no que maternar e criar en comunidade.
Somos moitos os que traballamos no marco da Economía Social en Galicia. Dende hai un par de anos o Concello de Santiago apoia activamente este tipo de iniciativas promovendo encontros dos que tirar propostas que nos visibilicen nas cidade e nos fagan máis fortes no mercado.
Seguro que moi preto de ti hai máis proxectos como o noso. Bota un vistazo ao catálogo e merca consciente.
Grazas por estar 🙂







