Conciliemos un mundo mellor

 

Sororidade, maternidade, crianza e respecto á infancia. Estes son os piares de Gaia. É no que vibramos e o que nos move.

Por iso, este ano de novo unímonos á campaña que promoven dende Madres, si. Pero guerreras también para visibilizar e darlle aos coidados o valor que realmente teñen. Por iso, chiaremos os días 1 e 2 de setembro cos cancelos  #conciliemosunmundomejor e #familiasloitando, para reclamar políticas que fagan compatibles a vida familiar e laboral. Compatibles de verdade. Porque o que hoxe se denomina conciliación ven sendo un conxunto de apaños como:

  • Deixar a un bebé de 16 semanas ás 7 da mañán na guarde para recollelo ás 3 da tarde.
  • Escoller o cole en función do horario de traballo (coa carga correspondente de clases, comedor, extraescolares… e todo o que implica)
  • Levar aos nenos a casa dos avós ás 8 am para que eles os leven ao cole ás 10 am, os recollan as 5 pm e mos teñan co pixama para meter no coche e levalos directos para cama ás 8:30 pm.
  • Deixar o traballo por que non é compatible coas necesidades das crianzas.
  • Vivir un calvario laboral porque a empresa se nega a cumplir coa lei. Levalos a xuizo, gañar, mandalos á merda… e volta a empezar 🙁

Estas son so algunas historias baseadas en conciliacións reais que escoitamos na Gaia. Cada unha temos a nosa propia historia de conciliación e no 90% dos casos seguro que non é a que teríamos escollido se nos sentíramos totalmente libres.

Concentración do 8M en Compostela

Teño a sensación de que cando o ano pasado escribín o artigo durante esta mesma campaña estaba moito máis resignada. O 8M mudouno todo. Estamos un pouco máis cabreadas e moito máis espertas. A Folga Feminista, e todo o que se reflexionou previamente,  serviu para tecer novos lazos froito do diálogo ao respecto  da maternidade e dos coidados. Reivindicar a nosa parcela dentro do movemento feminista como nais que queren coidar é imprescindible. Porque como muller que decide ser nai, quero selo lúcida e comprometida.  Gozar do meu corpo no embarazo e no parto. Facelo sendo consciente do meu poder para xestar e para parir. Comprometida coa miña realidade física e emocional. Comprometida co bebé que acollo, ao que acompañarei cando naza, dende o respecto ás súas necesidades e tempos. 

             

Por iso, queremos conciliar un mundo mellor.

Queremos criar sen renuncias. Non precisamos garderías nas que poder deixar ás nosas fillas cando cumpran 16 semanas, precisamos políticas que nos permitan quedar con elas e acompañalos nos importantísimos primeiros anos.

 

Non queremos mendigar baixas de maternidade, nin permisos de lactación, nin reducións de xornada. Esiximos baixas de maternidade remuneradas dignas, para traballadoras por conta allea e autónomas, que nos permitan coidalos como merecen, como merecemos. Cando menos, esiximos cotizar polos anos que pasemos ao coidado das nosas fillas mentras son bebés ou ata que comecen a educación obrigatoria.

 

Queremos que as empresas axuden na visibilización dos coidados. Que aquelas que teñan posibilidade, faciliten que mulleres e homes poidan ir ao traballo acompañados das súas fillas cando o precisen, mesmo habilitando espazos de coidados para que poidan telos preto. Non sería xenial que Amancio montara dentro das instalacións de Inditex un espazo no que os bebés puideran estar preto de súas nais cando estas se reincorporen ao traballo? Imaxinades o que suporía? Ou que o fixera La Voz de Galicia, ou Citroen, ou o Porto de Vigo…!!  Habilitar un espazo de coidados no traballo de nais/pais <3

 

Esiximos que as mulleres ou homes que decidan coller excedencia por coidado das fillas, poidan voltar ao seu traballo sen trabas, ocupando o posto que ocupaban sen penalizacións de ningún tipo.

 

Urxe racionalizar os horarios de traballo, adaptándoos a realidade das crianzas, e poñer en práctica o teletraballo nos casos nos que sexa posible. Traballemos por proxectos, por obxectivos, en lugar de facelo por horas. Horarios escolares e horarios laborais teñen que acompasarse porque senón sempre haberá un, nai ou pai, que teña que renunciar; e xa sabemos a quen lle vai tocar.

 

Queremos que se recoñeza o valor real dos coidados, porque os coidados moven o mundo aínda que ninguén fale deles. Puidera semellar, e hai quen pensa, que os coidados pertencen exclusivamente ao ámbito privado. O traballo de coidados que desenvolven nais, fillas, noras… aforra millóns de euros ás administracións e non pode quedar ao marxe da esfera pública. Os coidados que prestan mulleres sen cobertura de ningún tipo sosteñen un dos piares do estado de benestar.

 

Queremos acompañar ás nosas fillas cando nos precisen. Nin queremos, nin son abondo, as axudas para contratar a alguén que as coide cando se atopan enfermas. Queremos coidalas nós e que non nos poidan botar do traballo por facelo, nin que se nos penalice á volta, nin perder ingresos se traballamos por conta propia. Os coidados deberan estar blindados polo Estado e as empresas.

 

Porque o amor tamén cura. Poñamos os coidados no centro da política.

 

Ilustracións: @angelica.ch.r. para uso autorizado de Gaia Ecocrianza.

Sobre Sonia López Sánchez

Son Sonia. Muller, nai e xornalista. Galega. Adiquei 15 anos da miña vida profesional á comunicación. Foi mentres estudaba xornalismo, moito antes de ser nai, cando comecei a investigar sobre cómo se paría en Galicia. Non me gustou o que atopei. Descubrín Gaia pouco antes de que nacera Lucas, e diso fai xa 6 anos. En Gaia atopei a miña forma de conciliar, criando aos meus fillo e filla mentras acompaño a mulleres que, coma min, resoan noutra forma de parir e críar, dende a consciencia e o respecto. Hoxe sei un pouco máis que entón de porteo, de xogo libre, de BLW, de partos respectados e do poderosas que somos as mulleres. E nese camino estamos. Dende a honestidade e a continua formación. Facendo tribo.

No se admiten más comentarios