O verán está ás portas. As paisaxes están cheas de cor, a luz énchenos de enerxía, chían os paxaros e cantan as ras. A natureza reventa de vida. É un momento estupendo para pasear e gozar.
A natureza é o lugar propio do xogo na infancia. Aquí o xogo xorde de forma espontánea: explorar, aprender, observar, interactuar co mundo que lles rodea, apórtalles variedade de experiencias sensoriais, conéctaos consigo mesmos. Trepan, saltan, recolectan…
Pasear pola natureza, resulta unha experiencia marabillosa para ir cazar tesouros, pequenos tesouros da naturais.

Comeza a aventura
Aos nosos fillos e fillas encántalles recolectar. Nos seus bolsillos e mochilas aparecen cachiños de mundo: pedras, paus, follas, algún lixo interesante… Son tesouros que gardan con mimo. Son tesouros de pezas soltas, de pezas de xogo desestruturado.

Resultado de varios días de recollidas
Moitas veces pasan desapercibidos para nós -que nos movemos rápido, demasiado metidos no mundo dos adultos, coa cabeza chea de cousas- pero non para eles. Pequenas mostras de realidade, axudaranlles a conformar o puzzle do seu entorno, do que lles rodea, da vida que viven.
É un traballo encadeado, porque un elemento leva o outro casi sen darte conta, dun modo sutil e insinuante. É un traballo de observación e concentración. É un traballo de elección e selección, por cor, por variedade, por tamaño.
Ningún dos materiais que nos ofrece a natureza indican a qué ou cómo hai que xogar, permitindo que sexa o neno ou a nena quen o decida, segundo as súas necesidades e desexos internos. O material ponse ao servizo do xogo, permitindo o xogo simbólico, que nace cando se recrea algo distinto sobre un material. Cando o material é demasiado definido hai que adaptarse ao que material suxire.
Uns paus poden ser unha espada e noutro momento poden servir para construír unha cabana ou simular unha bandeira. Pedriñas que se converten en coches, moedas, comida ou que poderán lanzar e probar puntería. Tamén son perfectas para debuxar sobre a terra e a area, ou crear mandalas.
Todos estes materiais convirténse en tesouros creativos:
– Propostas que conteñen alto potencial creativo e diverxente.
– Actividades valiosas simplemente polo material que empregan e pola esencia que desprenden.
– Adátanse á etapa evolutiva de nenos e nenas.
– Evitan a sobreestimulación.
– Son materiais de gran beleza, sinxeleza e complexidade o mesmo tempo.
Se ben é certo que a natureza ofrece pezas de gran valor para o xogo da nena e o neno, é importante tamén a presenza de «pezas nutritivas» como reflexiona Casiana de Grapat, de tal xeito que «o material que ofrezamos sexa o resultado dunha profunda observación do momento vital no que se atopa cada nena ou neno»
“En calquera entorno, tanto o grao de inventiva e creatividade, como a posibilidade de descubrimento, son directamente proporcionais o número e tipo de variables nela.” Simon Nicholson
Párate, goza, descobre, aprende co teu fillo e filla da natureza, déixate sentir.