Cueiros de tea: coidados básicos

Se estás lendo isto é porque xa te decidiches a probar os cueiros lavables, así que noraboa!  Como en tantas outras cuestións relacionadas coa maternidade e a crianza, hai un monte de prexuizos e falsas crenzas que nos frean a dar o paso, e moitas voces que nos din «estaste complicando a vida e xa bastante tes co que tes». Sei por propia experiencia que ás veces pode ser dificil lanzarse ao mundo dos reutilizables, pero tamén sei que é un camiño sen volta atrás. Unha vez repares nos mínimos residuos que xeneras, o usar e tirar  xa non será unha opción para ti.

 

Agora que comezas, é o momento de asentar unha rutina de uso e lavado eficaz, que faga que os teus cueiros se conserven como novos o maior tempo posible. Se os coidas ben, poderán pasar por 2 ou 3 cús distintos e conservar todas as súas bondades como o primeiro día.

 

Primeiro uso

Antes de utilizalos por primeira vez co teu bebé, lávaos e sécaos polo menos nun par de ocasións. Conseguirás maior absorción a medida que os laves. Nas primeiras postas, non o empregues durante máis de 2 horas.

Rutina de uso

  • Usa os cueiros de tea como usarías os desbotables, pero en lugar de botalos ao lixo bótaos á lavadora. Se tes cueiros Todo en 2, deberás separar cobertor de absorbentes antes de botalo todo (cobertor+absorbentes) a lavar. Aquí tes un glosario con terminoloxía pañaleira básica
  • Se a túa crianza é de teta, o cueiro irá directo ao balde dos pañais sucios. Se xa fai deposicións sólida, recoméndoche que retires as cacas antes de botalo a lavar. Podes desbotalas directamente sobre o retrete ou empregar un forro biodegradable que facilite a tarefa.
  • Non deixes máis de 2 días os cueiros sucios sen lavar.  Emprega un balde con tapa para gardar os pañais usados antes de metelos na lavadora. Evita poñelo preto dunha fonte de calor (un radiador, por exemplo).
  • Faite cunha bolsa impermeable que che permita cargar cos cueiros sucios se estás fóra da casa, sen cheiros nin fugas.
  • Evita o uso de cremas pañal. Se tes que usalas, pon un forro desbotable para que a crema non penetre no tecido. Se non, co paso do  tempo os cueiros perderán capacidade de absorción e repelerán os líquidos.
  • Ten os cueiros encartados e listos para usar. Os cambios serán máis rápidos e sinxelos.

 

Rutina de lavado 

  • Nunca os poñas a remollo. As gomas e o PUL desgástanse e o pañal acabará filtrando.
  • No caso dos cueiros de bolsillo, separa o cobertor dos absorbentes antes de botalos a lavar. 
  • Prelavado dos cueiros en auga fría. Elimina os restos de suciedade da superficie dos cueiros. Podemos facer prelavado ou lavado rápido. Unha vez rematado, podemos engadir outras prendas e facer o lavado en profundidade.
  • A cantidade de roupa no tambor é importante. Debe haber suficiente roce para que os cueiros se limpen axeitadamente. Se hai pouca roupa, os cueiros moveranse pero non se lavarán correctamente.
  • Ciclo principal de lavado. Unha vez eliminada a suciedade superficial dos cueiros, o ciclo principal será máis efectivo porque o deterxente penetra nas capas máis profundas dos tecidos. A temperatura de lavado neste ciclo será de 30º ou 40º.
  • A cantidade de deterxente empregada será a recomendada polo fabricante para roupa moi sucia. Non todos os xabróns son indicados para os cueiros de tea así que é importante deterse nas caraterísticas da nosa lavadora e da auga da nosa rexión (blanda e Galicia). Este é o que nós eliximos, libre de aditivos (blanqueadores ópticos, lixivia, colorantes, perfumes, aceites esenciais…). Non empregues nin xabróns naturais (que conteñan glicerina ou sebo animal) nin suavizantes.
  • Pon a lavadora á máxima potencia de centrifugado durante o maior tempo posible.

 

 

Rutina de secado

  • O ideal é secar ao aire. Non hai mellor quitamanchas nin desinfectante que o sol, así que sempre que poidas, elixe esta opción.
  • Se non é doado para ti secar ao aire, podes optar por empregar deshumidifcador, secadora ou radiadores. Demasiado calor pode estragar as gomas e deteriorar o PUL, así que é conveniente evitar a exposición directa a temperaturas excesivamente altas.
  • Unha vez estean ben secos e a temperatura ambiente, podes encartalos e deixalos listos para o seu uso.

 

 

Indicadores de que algo non vai ben

  • Os cueiros ulen mal a pesar de estar limpos.
  • Non absorben ben.
  • Repelen líquidos.
  • Causan erupción na pel do bebé
  • Presentan manchas que non saen nin co sol.

 

Agora, si! Xa estades list@s para probar os vosos cueiros.

Sobre Sonia López Sánchez

Son Sonia. Muller, nai e xornalista. Galega. Adiquei 15 anos da miña vida profesional á comunicación. Foi mentres estudaba xornalismo, moito antes de ser nai, cando comecei a investigar sobre cómo se paría en Galicia. Non me gustou o que atopei. Descubrín Gaia pouco antes de que nacera Lucas, e diso fai xa 6 anos. En Gaia atopei a miña forma de conciliar, criando aos meus fillo e filla mentras acompaño a mulleres que, coma min, resoan noutra forma de parir e críar, dende a consciencia e o respecto. Hoxe sei un pouco máis que entón de porteo, de xogo libre, de BLW, de partos respectados e do poderosas que somos as mulleres. E nese camino estamos. Dende a honestidade e a continua formación. Facendo tribo.

Deja un comentario

avatar
  Suscribirme  
Notificación de