Filosofía visual para crianzas Wonder Ponder

Filosofía visual para crianzas Wonder Ponder

Tradicionalmente, a filosofía foi asumida como unha disciplina difícil e abstracta, por suposto, non apta para crianzas pequenas. Nada máis lonxe da realidade. A filosofía ensina a pensar, a cuestionar, a sacar conclusións e a aplicar respostas críticas a problemas cotiáns. E se o pensamos con detemento, non é iso o que fan as nenas e nenos desde moi pequenas?

As crianzas nacen cunha curiosidade innata por coñecer o mundo que lles rodea e pasan os primeiros anos das súas vidas preguntándose o porqué das cousas, unha actitude non tan afastada da dos grandes filósofos cuxos pensamentos se basean na procura de respostas a determinadas preguntas. Por tanto, as nenas e nenos son filósofas en potencia, capaces de pór en cuestión practicamente todo e de atopar respostas sorprendentes ás cuestións que se expoñen.

O filósofo e educador Matthew Lipman, nos anos 80 creou o proxecto “Filosofía para niños”. Lipman como profesor universitario, observou que o seu alumnado era capaz de recitar de memoria toda a historia de a filosofía, pero eran incapaces de filosofar. Chegou á conclusión de que era na escola onde se debía comezar a ensinar a pensar, a formularse preguntas e a obter respostas razoables.

En base a este convencemento, Lipman creou unha serie de contos filosóficos destinados a nenas e nenos de entre 11 e 12 anos, cuxo obxectivo era ensinarlles a ser críticas, estimulalos para que se fixeran preguntas e tratasen de respondelas. Os libros chegaron a varias escolas públicas e o filósofo estudou durante un ano o efecto daquelas lecturas nas nenas e nenos.

Lipman observou e documentou que os beneficios de filosofar víanse reflectidos en todas as áreas do coñecemento. A razón, era que a Filosofía expón as preguntas xenéricas que poden servirnos de introdución a outras disciplinas. O profesor Lipman, logrou probar a importancia de filosofar desde a infancia e o seu proxecto está hoxe en día presente en 40 países.

Na actualidade, outros autores como Jordi Nomen profesor de Filosofía e autor do libro El niño filósofo (2018), seguen traballando nesta liña. Nomen (2018) afirma que: “Para contribuír ao ben común, temos que poder pensar de maneira lúcida e creativa, filosófica. E iso é algo que se aprende en idade escolar ou non se aprende.”

A FILOSOFÍA NA INFANCIA

Como xa se expuxo anteriormente, hai unha serie de aspectos da filosofía que son a base para outras materias. A filosofía ensina a facerse preguntas, a investigar, a formular hipóteses e sacar conclusións. Ademais, desenvolve a capacidade de cuestionar a veracidade dos feitos e afirmacións xerando ao mesmo tempo mecanismos para a argumentación.

En filosofía, errar non está penalizado senón que é fonte de aprendizaxe. Ao equivocarse, as crianzas reflexionan sobre por que algo non é válido e buscan estratexias para solucionalo. Isto supón un valor educativo importantísimo e permite aumentar a seguridade en si mesmas.
Filosofar mellora o vocabulario, a redacción e a expresión de ideas. Permite indagar sobre quen son e fortalece a intelixencia emocional ao permitirlles coñecerse mellor.

Para comezar a filosofar coas vosas crianzas, deixade que flúa a curiosidade natural das nenas e nenos e aproveitádea para transformala nunha ferramenta de pensamento. É importante que aprendamos a falar pouco e a escoitar moito. Deixade que fagan preguntas, pero non ofrezades unha resposta pechada. En lugar diso, a pregunta pode ser: ti que crees?, ou, a ti que che parece?

Outra ferramenta é expoñerlles preguntas que conviden á reflexión. Hai unha gran diferenza entre formular unha pregunta pechada como “Que comiches hoxe en casa do avó?”, a formular unha aberta como “Pode unha cebra rirse?. As preguntas abertas, ben sexan formuladas polas adultas ou polas propias crianzas, son unha maneira de iniciarse na filosofía, permitíndonos pensar e reflexionar.

As nenas e nenos han de aprender tamén que non todas as preguntas teñen unha resposta. O normal é que cando preguntan busquen a seguridade da resposta adulta, pero é necesario ensinarlles que ás veces hai preguntas non teñen resposta ou que hai respostas que deben atopar por elas mesmas.

O proxecto Wonder Ponder

Unha proposta moi interesante de filosofía dentro do mundo infantil é o proxecto Wonder Ponder e as súas 4 caixas de filosofía visual para criaturas. Cada unha delas céntrase nun tema específico dentro do amplo mundo do pensamento filosófico. O formato destas caixas filosóficas é moi novo e permite utilizalas de distintas maneiras, todas elas interesantes, tanto dentro da aula como na casa.

Todas as caixas conteñen 14 láminas que describen escenas. No dorso de cada unha delas, preguntas que nos fan cuestionarnos e cuestionar o mundo, 3 láminas para crear as túas propias escenas e un póster coa idea central da caixa. A maiores atopamos unha guía de uso, con diferentes propostas de como utilizar as tarxetas e tamén unha breve guía de conceptos esenciais para acompañar a lectura.

MUNDO CRUEL

A primeira das caixas chámase Mundo Cruel e convídanos a reflexionar sobre o abuso de poder, a agresión e os seus axentes. Para iso expóñense preguntas que nos permiten profundar no significado de responsabilidade ou a empatía. Atopamos preguntas que nos poñen en cuestión conceptos e ideas para reflexionar, discutir, expoñernos e reformularnos a realidade ao redor da idea de crueldade: “Aínda que teñamos un accidente, segue sendo a nosa responsabilidade?”; “Matar forma parte da vida?”; “Hai vidas que valen máis que outras?”; “É cruel obrigar a alguén a facer algo que non quere facer?”; “Gustaríache vivir nun zoo?, por que?”… E así ata 100 preguntas para debater e compartir as nosas ideas e pensamentos.

YO, PERSONA

A segunda caixa que editaron ten o nome de Yo, persona. De novo atopamos 14 escenas con ilustracións que dan moito que pensar sobre que somos e quen somos. Parece fácil pero se nos detemos a pensalo xorden preguntas inquietantes como “De que estamos feitas as persoas?” “Somos só corpo?”; “As persoas son merecedoras de máis dereitos que os seres que non son persoas?, por que?”… Non hai respostas feitas, trátase de que as construamos entre todas, dialogando e, o que é mellor aínda, cambiando de idea cada vez que o consideremos.


LO QUE TÚ QUIERAS

A terceira caixa titúlase Lo que tú quieras. Nesta ocasión convídannos a reflexionar sobre o significado da liberdade. “Pode todo o mundo facer o que lle dá a gana ao mesmo tempo?”; “Que farías se as demais puidesen ler os teus pensamentos?”; “Se puideses volverte invisible roubarías?, por que?”…

Xa vedes que son preguntas nada fáciles e moitas delas fannos dubidar, xerando unha interesante discusión (tamén interna) que nos permite descubrir quen son e quen quero ser. Conceptos como a dependencia, os dereitos, as normas ou a responsabilidade saen a relucir para que poidamos divertirnos con isto da filosofía sendo nenas e nenos, pero tamén sendo adultas.

PELLÍZCAME

Pellízcame é a última caixa dispoñible desta colección de Filosofía Visual para crianzas. Un título suxestivo para un tema apaixoante: o mundo dos soños, a ficción e a imaxinación a debate coa realidade. Este material de filosofía ponnos a pensar e a reflexionar sobre a existencia ou non desa liña divisoria que separa a realidade doutros mundos. Un recurso divertido para botar uns bos intres familiares e unha ferramenta indispensable para a escola.

Poñernos a pensar sempre supón poñernos a indagar, poñernos a dubidar e chegar a nosas propias conclusións. Teredes unha infinidade de preguntas filosóficas que poñen o cerebro en marcha para que, dándolle á cabeza, nos coñezamos un pouco mellor a nós mesmas e tamén ao mundo en que vivimos. Moi recomendables, estas caixas de filosofía acompañaranvos na marabillosa aventura que é a vida.

NOVIDADES WONDER PONDER

Wonder Ponder acaba de añadir tres novidades a maiores da súa colección de caixas: ¿Hay alguien ahí? Preguntario interplanetario para terrícolas inteligentesNido huevo perro hueso Niña gato agua pato.

¿Hay alguien ahí? Preguntario interplanetario para terrícolas inteligentes, é unha introdución á curiosidade filosófica enviada ao planeta Terra desde o planeta Bibopia, con agarimo. Quen pensaría que a primeira mensaxe extraterrestre recibida na Terra verificado pola comunidade científica chegaría en forma de libro. E quen puidese imaxinar, ao abrir o libro en busca de respostas, que estivese composto unicamente de preguntas. Preguntas, preguntas e máis preguntas!

Este atlas filosófico para pararse a pensar, deseñado e ilustrado cunha boa dose de misterio extraterrestre, estrutúrase ao redor de catorce mapas temáticos que nos convidan a explorar aspectos da nosa humanidade: “Como é ser un ser humano?”; “E como é ser ti?”; “Para que serve o xénero?”; “Como sabedes o que sabedes?”; “A Terra é un bo fogar?”; “Que tal vos levades os seres humanos?”…

Nido huevo perro hueso y Niña gato agua pato, son un “traba-ollos” con algo de xogo de combinacións, un pouco de “escondite inglés”, outro pouco de “cucutrás” e moitos aplausos ao final. Baixo unha aparente sinxeleza, os seus catro elementos activan o desenvolvemento intelixente da percepción e sobre todo posúen un enorme compoñente lúdico para compartir entre primeiras lectoras e adultas.