A permanencia do obxecto: as caixas de permanencia

Cajas de permanencia

As caixas de permanencia Montessori son materiais que favorecen o desenvolvemento do sentido de permanencia dos obxectos. Con elas as nenas e nenos poderán traballar tamén o movemento, a psicomotricidade fina, a coordinación óculo-manual, a resolución de problemas e a lóxica matemática.

O sentido da permanencia é aquel que nos permite ser conscientes da existencia das cousas aínda cando desaparecen da nosa vista. Para unha bebé, cando algo desaparece da súa vista, desapareceu para sempre: se non o ve, non existe. É por iso que moitas veces observamos que, se nos apartamos do ángulo de visión de nosas bebés, elas rompen a chorar. Por se vos interesa, podedes botar un ollo a este vídeo de experimentos con bebés sobre a permanencia do obxecto nos laboratorios de Andrea Aguiar da Universidade de Waterloo, Canadá e Andrew Meltzoff da Universidade de Washington.

O desenvolvemento do sentido da permanencia é algo que as crianzas irán adquirindo coa madurez, pero… podemos nós axudar á adquisición do sentido da permanencia? Claro que SI! Hai diversos xogos que podemos facer coas bebés que lles axudarán a ir adquiríndoo aos poucos. Estes xogos poden ser tales como: esconder un xoguete debaixo dunha manta deixando destapado un anaco para que vexa ese oco e chámelle a atención buscalo, o típico xogo do cucú- trás, … En definitiva, todos aqueles xogos que consisten en esconder algo ou escondernos nós, pero adaptándoos dunha forma moi progresiva, para que non sexa algo que lle provoque frustración. Xogos nos que a crianza se sinta motivada a investigar e descubrir aos poucos a permanencia dos obxectos.

Como se desenvolve habilidade referida á noción da permanecia?

Na súa teoría do desenvolvemento cognitivo, Piaget fala de ata seis subetapas nas que a noción da permanencia do obxecto vai desenvolvéndose.

Subetapa da actividade reflexa

Esta subetapa vai desde o nacemento ata o primeiro mes. A bebé aprende como pode moverse o seu corpo, aínda que ten unha visión moi borrosa e os seus lapsos de atención son máis ben curtos. Limítase a exercitar reflexos innatos. Os tres principais logros desta subetapa son chuparse os dedos, seguir cos ollos algo que se move e pechar as mans.

Subetapa de reaccións circulares primarias

Vai desde mes 1 ao 4 de vida. A bebé ve os obxectos e empeza a fixarse máis neles. Pode ser que cando lle escondan un obxecto a bebé trate de buscalo durante un intre, pero non vai esforzarse moito e, ao cabo de pouco tempo, fará como que xa non existe. Non hai permanencia do obxecto de ningunha maneira. Con todo, si que mostra certas respostas anticipatorias ante imaxes e sons familiares, como pode ser abrir a boca ante unha culler ou succionar o aire ao ver un biberón. As súas accións son menos reflexivas que na subetapa anterior, e xa se comporta de forma máis intencional. Descobre como usar o seu corpo.

Subetapa de reaccións circulares secundarias

Esta etapa vai dos 4 aos 8 meses. As bebés alcanzan obxectos que están parcialmente escondidos, sobre todo no sétimo mes. Non é permanencia do obxecto do todo, debido a que se o obxecto é escondido por completo a bebé non o buscará.

Subetapa de coordinación das reaccións circulares secundarias

Esta etapa vai dos 8 aos 12 meses e xa podemos falar de permanencia do obxecto. A nena e/ou o neno é capaz de recuperar un obxecto que se atopa totalmente oculto na mesma habitación, a condición de que vise como llo escondían.

Reaccións circulares terciarias

Esta etapa vai dos 12 aos 18 meses. A nena e/ou o neno está en condicións de recuperar un obxecto oculto varias veces dentro do seu punto de vista, pero non pode localizalo cando estea fóra do seu campo perceptual. É dicir, se se lle esconde un xoguete sen que ela o vexa e nun lugar que non lle soa que puidese estar, a crianza non o vai a atopar. Isto é debido a que a bebé aínda non ten a capacidade de representación interior para representar o obxecto e imaxinarse varios lugares nos que podería estar.

Resolución simbólica de problemas

A nena e/ou o neno xa comprende perfectamente a idea de permanencia do obxecto. É capaz de entender que os obxectos poden estar ocultos en lugares novos, é dicir, pódese facer unha representación mental de que un oso de xoguete está, por exemplo, dentro dun contedor aínda que nunca antes o vira aí. Pode representar mentalmente imaxes do obxecto e exporse diferentes escenarios onde podería estar. Non necesita ver como llo esconden para ir na súa procura.

Aínda que os achados de Piaget foron fundamentais para a psicoloxía do desenvolvemento, son moitas quen os poñen en dúbida. Un exemplo diso témolo nas investigacións de Bower, T. G. R. e Wishart, J. G. (1972). No seu artigo, The effects of motor skill on object permanence, mostran os resultados e conclusións derivadas dos seus experimentos onde se documentaron casos de total adquisición de permanencia do obxecto en bebés de tan só 3 meses de idade, algo que é moi prematuro tendo en cuenta que Piaget falaba de, como mínimo, 16 meses.

Ademais, estas mesmas investigadoras suxeriron explicacións alternativas de por que as bebés non buscan xoguetes ocultos: as criaturas moi pequenas simplemente poden non ter a coordinación física necesaria para buscar o obxecto, e, noutros casos, tamén é posible que as bebés non teñan interese en atopar dito obxecto oculto.

Cada nena e cada neno é un mundo e a velocidade coa que vai adquirir a noción de permanencia do obxecto varía de persoa en persoa. As subetapas propostas por Piaget non se deben ver como algo fixo e inamovible, debido a que pode haber crianzas que tarden un pouquiño máis e outras que tarden un pouquiño menos. Mesmo se debateu sobre se a permanencia do obxecto depende de factores culturais e estimulación temperá.

Aquí vos deixo un vídeo sobre os 4 estadios de desenvolvemento cognitivo formulados por Piaget, pai da psicoloxía evolutiva, con diferentes probas: permanencia do obxecto, conservación e pensamento.

Periodo sensorio-motor (nenas e nenos de 0-2 anos)

Periodo pre-operacional (nenas e nenas de 2-7 anos) 

Periodo concreto (nenas e nenos de 7-11 anos)

Periodo formal (crianzas e adolescentes de 11 anos en diante, aproximadamente ata os 19 anos)

Caixas de permanencia

As caixas de permanencia son unha sorte de “caixas” de madeira nas que poderemos meter un obxecto que por un momento deixaremos de ver. Nas primeiras caixas de permanencia o obxecto volverá á vista da bebé de forma rápida, só serán duns segundos o tempo que deixe de velos. En caixas máis complexas, o obxecto tardará un pouquiño máis en aparecer ou mesmo será a bebé a que terá que descubrilo abrindo un caixón ou tras unha porta abatíbel, …etc.

Este material permitiralles practicar a habilidade manual de encaixar os obxectos e ademais favorecerá algo moi importante tamén nestas idades, a repetició: cada vez que introducimos o obxecto, este volve saír, o que fai que a criatura se interese por volver repetir a actividade unha e outra vez. Estas caixas chaman ao movemento e en especial ao movemento da man, algo que está estreitamente relacionado nestas idades temperás co desenvolvemento cognitivo. E é que, como dicía María Montessori: “a man é o instrumento da intelixencia”.

Para que idade están recomendadas as caixas de permanencia?

Hai diferentes caixas de permanencia que nos permitirán ofrecer unha progresión. É por iso que cada unha delas requirirá dun momento diferente máis encarado á maduración de cada bebé que á súa idade física. As caixas de permanencia son materiais que se usan nas escolas Montessori Niño (0 a 18 meses) e en Comunidade Infantil (18 a 36 meses).

Tipos de caixas de permanencia

Con bandexa

A caixa de permanencia con bandexa é a máis sinxela de utilizar. Nela, a bebé introduce a pelota polo buraco e rapidamente esta sae cara a bandexa. Neste momento, a crianza recupéraa e pode repetir a actividade se así o desexa. O círculo e a pelota son os máis fáciles de encaixar, xa que non requiren de que teña que virar o pulso para encaixar a pelota que, ao ser redondeada, encaixa facilmente no círculo. Como a bandexa é curta, a pelota desaparecerá soamente un instante e volverá ser visible para a crianza, que poderá recollela de novo da bandexa.

Caixa de permanencia con caixón

Na caixa de permanencia con caixón a pelota desaparecerá completamente da vista das crianzas. Para vela e recuperala terán que abrir o caixón colléndoo do pomo e estirando. A dificultade nesta caixa vén dada polo feito de recuperar a pelota de dentro do caixón. O caixón sae e a crianza debe ter a habilidade suficiente para devolvelo ao seu sitio. A maiores ofrece unha dificultade engadida: a bóla ten unha contorna irregular o que obrigará á crianza para exercer presión para facela pasar a través do orificio.

Caixa de permanencia con caixón longo

Esta caixa de permanencia ten un caixón moito máis alongado de xeito que terán que abrilo moito máis para ver onde está a pelota. Ten inclinación, polo que a pelota baixará soa polo caixón. Do mesmo xeito que na caixa anterior, dito caixón non poderá saírse, xa que ten un tope que llo impide.

Caixa de permanencia de hucha con tapa

A caixa de permanencia de hucha con tapa, presenta unha nova dificultade para a criatura ao ter que encaixar unha peza con forma redonda pero plana. Necesitará alinear e xirar o pulso para introducir as moedas. Tamén tenrá que usar unha pinza máis pequena cos dedos índice, corazón e polgar, e un maior control psicomotriz. Después de introducir as moedas, a criatura terá que recuperalas sacando a tapa.

Cunha soa forma xeométrica

Estas caixas de permanencia presentan unha única forma xeométrica cunha porta que se abre. En cada unha delas traballaremos a habilidade específica para encaixar cada forma. Podemos empezar coas caixas do cilindro groso e do cilindro delgado que ao non ter ángulos adoitan resultarlles máis fáciles e despois xa pasamos ás formas con ángulos como o cadrado, rectángulo e triángulo. Cando a criatura introduce a peza na caixa queda dentro dela, pero se se asoma pola porta poderá vela por un buraco. Este buraco é tan grande que case podería sacala por aí, pero o feito de que haxa unha porta faille reforzar o concepto de estar a abrir algo para sacar un obxecto que hai dentro.

Caixa de permanencia de tapa abatíbel

As caixas de permanencia de tapa abatíbel teñen a particularidade de que a crianza introduce os obxectos por unha banda e para poder recuperalos ten que pasar a tapa cara ao outro lado, polo que neste momento quedará preparada a caixa para repetir a actividade novamente. Por orde de dificultade temos: a caixa de permanencia abatible con pelota, a caixa de permanencia abatible con hucha e, por último, a caixa con 4 formas xeométricas dunha única cor. A caixa de permanencia dobre de Enrosca ten unha porta basculante cun orificio a través do que se encaixan as cinco pezas de cores. A porta vira e as pezas de madeira quedan de novo á vista. 

Caixa de permancia con tres caixóns inclinables

As crianzas teñen unha sensibilidade especial para os caixóns, encántalles abrilos para ver que hai dentro. Esta caixa ten tres caixóns que se abren inclinando o caixón. Desta forma deixa aparecer os obxectos que gardamos e a crianza pode volver gardalos dentro dos caixóns e volver buscalos sempre que queira. Esta ademais presenta unha nova dificultade para a crianza ao ter que encaixar unha peza con forma redonda pero plana. Necesitará aliñar e virar a bonec@ para introducir as moedas. Tamén terá que usar unha pinza máis pequena cos dedos índice, corazón e polgar, ademais de afinar o control psicomotriz.

As pelotas nas caixas de permanencia

Nas caixas de permanencia tamén podemos encontrar diferentes tipos de pelotas:

  • A pelota de tipo golf, que é unha pelota pesada que fai ruído ao caer dando a sensación dun obxecto que cae dentro da caixa.
  • A pelota de aire, que non pesa e non fai case ruído ao caer.
  • A pelota de tea que fai que a crianza teña que facer certa presión para que pase ao otro lado.

Poida que para as adultas resulte moi obvio, pero o que descubrirá a bebé coas caixas de permanencia é un fito no seu desenvolvemento. Animámosvos a que fagades a proba con vosas bebés, ao redor dos 8 meses, e observedes a súa reacción. Deixade que experimenten, metan os obxectos na caixa e, cando xa non os poidan ver e deduzan que desapareceron, abran o caixón e: aí están!