
Nas aulas de educación infantil é habitual ensinar a nenas e nenos, día tras día, o típico calendario coas súas cuadrículas en branco e os números que indican os días. Tamén sei, pola miña propia experiencia, que as criaturas non acaban de entender que é o que lles estamos contando. Ao fin e ao cabo, un número escrito é aínda un concepto moi abstracto para elas.
Entón, como podemos axudar a nenas e nenos a comprender o paso do tempo dunha maneira visual, intuitiva e onde, ademais, poidan manipular?
O calendario manipulativo de Grimm´s é unha base circular inspirada nos ensinos de María Montessori e na súa Teoría da Educación Cósmica, onde se representa o ano de forma circular: a medida que imos pasando os meses imos completando unha volta ata cumprir o ano, tempo que tarda a Terra en dar unha volta ao Sol.

Composición do Calendario de Grimm´s
O calendario manipulativo de Grimm´s, consta de tres partes: base de meses, base de días e conxunto de 12 figuras representativas de cada mes.
Base de meses do calendario de Grimm´s
Unha primeira base de madeira con 12 segmentos de cores. Simbolizan os 12 meses do ano nos que cada estación está representada coas súas respectivas cores, seguindo a gradación do arco da vella. Isto último é característico dos xoguetes Waldorf. Podedes ler máis sobre o médodo Waldorf, así como sobre outras metodoloxías activas e integrais, neste artigo da Universidad Internacional de la Rioja
Polo tanto, neste calendario cada mes ten unha cor.

Desde xaneiro (azul anil) ata decembro (azul escuro), os meses pasan seguindo a gradación de cores do arco da vella. Ademais, agrúpanse por tonalidades dando así lugar ás estacións. O inverno estará representado polos tons púrpuras e azuis; a primavera polos verdes e amarelos; os laranxas corresponden ao verán; e o outono queda cos vermellos e marróns.

Aquí podedes ver representada a estación da primavera en tons verdes e cambiando ao amarelo, o comezo do verán.

Base de días do calendario Grimm´s
Unha segunda base máis grande con 31 buracos, nos que cada día ponse unha bóla de cor e así podemos saber cando empeza e acaba cada mes.


Este calendario de Grimm´s vén con 35 bólas en 7 cores diferentes que representan os 7 días da semana. Desde Grimm’s explican que se pode elixir a cor que máis nos guste para cada día, sempre a mesma, e recomendan usar a mesma secuencia de cor que segue o propio calendario. Así, a secuencia sería: Luns: azul; Martes: verde; Mércores: amarelo; Xoves: laranxa; Venres: vermello; Sábado: fucsia; Domingo: violeta.

Conxunto de figuras representativas de 12 meses do calendario Grimm´s
Ademais cada mes asóciase cunha figura representativa. Todas teñen un significado.


Como usar o calendario de Grimm´s na aula
O primeiro día dun mes colocamos no anel central o segmento do mes correspondente, que ademais ten unha figura de madeira representativa. Tamén poñemos a primeira bóla no disco exterior. Así faremos ata que finalice o mes (cada día unha bóla) ata poder incorporar o seguinte segmento.
Ademais, cada vez que se completa unha semana (isto saberémolo polas cores das bólas), poñeremos tamén unha bóla no segmento do mes (onde hai 4 buracos que simbolizan as semanas).

Tamén podedes simbolizar o paso das semanas cuns soportes de metal onde se poñen candeas.

Este material axuda moito tamén a que as nenas e nenos entendan cando chegan os días especiais. Por exemplo, podedes indicar cunha nota nun soporte de madeira cando son os aniversarios e así elas poden visualizar e entender cantos días faltan.


Cando ven que faltan poucas bólas ata chegar á nota, a súa emoción é maiúscula. Marcade os festexos máis significativos como o entroido, o nadal, as vacacións, unha excursión… será moito máis sinxelo para elas comprender o ritmo anual e o paso do tempo.

En Gaia estamos namoradas deste calendario. Reúne toda a calidade e calidez dos materiais de Grimm´s. E si, é un material caro, pero acompañaravos durante unha chea de anos na casa e na aula, sen que o implacábel paso do tempo mingüe un chisco a súa gran calidade.







